O Día do Libro (tamén denominado Día Internacional do Libro e Día Mundial do libro) é un acontecemento anual que se celebra o 23 de abril. A festa celebrouse por primeira vez baixo os auspicios da UNESCO en 1995 coa idea de fomentar a lectura, a edición e publicacións impresas e os dereitos de autor.
Historia
As orixes da festa do libro están ligadas a Cataluña e á celebración do Sant Jordi (San Xurxo), cando era costume que os homes agasallasen as mulleres cunha rosa e estas o fixesen cun libro.
En España a xornada comezouse a celebrar oficialmente o 7 de outubro de 1926, en conmemoración do nacemento de Miguel de Cervantes Saavedra.
O escritor e editor valenciano, establecido en Barcelona, Vicent Clavel Andrés, propuxo este día á Cámara Oficial do Libro de Barcelona.
O 6 de febreiro de 1926, o goberno español, presidido por Miguel Primo de Rivera, aceptou a data e o rei Alfonso XIII asinou o decreto real que instituíu a Festa do Libro en España.
No 1930, a data conmemorativa foi trasladada para o 23 de abril, día do falecemento de Cervantes, que coincidía coa tradición festiva catalá.
O 15 de novembro de 1995, a UNESCO decidiu proclamar este día," Día internacional do libro e dos dereitos de autor". A Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura quería destacar deste xeito a importancia do libro, que foi historicamente o medio de difusión máis importante do coñecemento así como unha ferramenta esencial de enriquecemento cultural. Esta xornada ten como fin promover o libro e fornecer a través del o acceso á cultura do maior número de persoas posible. A primeira celebración do Día Mundial do Libro tivo lugar o 23 de abril de 1995.
A UNESCO decidiu celebrar conxuntamente o Día do Libro e dos Dereitos de Autor atendendo á casualidade de que a morte de Cervantes (o 23 de abril de 1616 no calendario gregoriano) se correspondía coa data do aniversario do nacemento e morte de William Shakespeare (no calendario xuliano).
De : Laura González Belerda
Ningún comentario:
Publicar un comentario